Revista "A Pedreira"

 


 




 

SAÚDO DO ALCALDE

Como Alcalde-Presidente do Concello da Lama, diríxome a tódolos veciños e visitantes para comunicarvos a creación da I Revista Cultural e Turística do Concello, que leva por título "A Pedreira", adicada a aqueles que amosen interese en descubri-lo encanto que nos brindan éstas terras e súas xentes, desexando que este novo proxecto sexa do voso agrado e disfrutedes das páxinas que agora estreamos.

A nosa intención e ofrecervos unha publicación anual. A saída do primeiro número, queremos sexa un referente para o futuro e que nos axude a espalla-lo coñecemento deste Municipio.

Aproveito a ocasión para enviar tamén un agarimoso saúdo e unha amigable aperta a tódolos conveciños ausentes.


A Lama, Setembro de 2003

Jorge Canda Martínez

Alcalde-Presidente do Concello da Lama
 

 

 

Presentación

Atopámonos ante a primeira edición da nova revista cultural publicada polo Concello que concibida con carácter de guía cutural e turística esperamos sexa unha pequena publicación anual.
Neste ano 2003 contamos coa extraordinaria colaboración de persoas coñecidas por moitos de vos e que de algún xeito están ligados o noso pobo, por unha banda Manuel Lois Vázquez acheganos a tradicional romería do Santo Cristo de Xende, por outra Carlos Morgade bota unha ollada a situación dos muiños da Lama, Estanislado Fernámdez de la Cogoña achéganos a figura do escultor Esteban Gómez, Ramón Lastra ilústranos o primerio número da revista, tamén faremos unha lembranza a vida e obra dun home descoñecido por moitos lameses, o escultor Alejandro Cabanelas Araujo.
A partires de agora trataremos de facer un pequeño percorrido polas parroquias, suas xentes, suas vidas e costumes. Non podemos esquecer que A Lama e terra de emigrantes os que sempre temos presentes e que forman parte da nosa memoria.

Neste primeiro número contaremos cun apartado gráfico para a lembranza, no que podemos disfrutar de importantes aportacións fotográficas de gran relevancia como e o caso das realizadas polo destacado fotógrafo catalán Pelai Mas na sua viaxe por Galicia alá polo ano 1919 co fin de recoller unha completa información da nosa rexión e ampliar a colección do seu arquivo.
Outro dos temas que traraemos e o entorno, a xeografía coas súas serras, a incomparable paisaxe de montaña, os ríos, as fervenzas... Son moitas tamén as persoas as que queremos adicar estas páxinas por iso pensamos que sería interesante facer unha revista na que se vexa reflexada a historia, a arte... do noso municipio.
Esta é unha idea que xurde a partires da creación da Oficina de Información Xuvenil do noso municipio, xa que pensamos en apaga-las inquedanzas de aqueles que dexesen saber algo máis destas terras.
Agradecemos a colaboración de tóda-las persoas que incondicionalmente aportaron o seu gran de area neste proxecto, e aqueles que de xeito amable cedérenos os seus álbumes fotográficos ou aportaron algún documento ou dato de interés como o fixeron: Luis Muiños "Buyo", Manuel Contreras Soto, Carolina Tosar Portela, Ana Sieiro González, Manuel Piñeiro Suárez, Ana Gil Barreiro, Luis González González, Marité Moreira, Dalia Vázquez Muiños, Moisés Couceiro Cota, José Sobral Muiños, José Manuel Moreira, José Manuel Sobral, Maruja y Julia Durán Leboreiro, Daniel Vidal Durán, Albertina do Nascimento Corbacho Boullosa, Esperanza González do Nascimento, Jose Villaverde Villanueva...
 

A Lama, Setembro de 2003

Cristina Villaverde Ruibal


Informadora Xuvenil

 

 

Toponimia
 

A LAMA

Procede da antiga raíz lam-, e designa a terra enchoupada en auga, fai alusión a un lugar lamacento, cheo de barros, de lama, ou de lodo. En Galicia abundan topónimos co mesmo vocábulo: Lameiro, Lamas, Lamazal, Lamoso…
No pasado o lugar era coñecido como Caldevergazo e será no ano 1845 cando o Concello tome o derradeiro nome da Lama, os seus habitantes son denominados lamés/ lameses.
A PEDREIRA
Este nome fai referencia a un lugar no que abundan pedras, o vocábulo procede do latín petraría. Outros topónimos son pedregal, pedroso…
Hoxe é a vila que é capital do noso Concello. Esta e polo tanto a razón do título da presente Revista.
 

 

ALEJANDRO CABANELAS ARAUJO "O ESCULTOR"

Xosé Cabanelas foi un modesto canteiro entregado o seu oficio como todos aqueles adicados ó seu gremio na Galicia de finais do século XIX coñecedores rigorosos do seu labor, entregaban o seu talento a sombra de institucións e potentados. Por motivos de traballo veuse obrigado a desprazarse ó lugar de Paredes, parroquia de Serantes pertencente ó municipio de Leiro (Ourense), terra natal da súa muller, onde naceu o seu fillo Alejandro en 1895 .

Inauguración da exposición de traballos de debuxo e modelado.Ourense 1930.Alejandro sentado diante do busto de Cervantes.

Iniciado polo seu pai no oficio, Alejandro Cabanelas trasládase a Covelo ó amparo dun familiar próximo, alí vivirá protexido polo famoso filántropo Manuel Barreiro Cabanelas, "Conde Cabanelas", aínda que 30 anos maior co seu curmán sempre gozou da sua consideración como artista, sendo o seu máximo impulsor e mantendo con él unha relación de perfecto mecenado.

Covelo é terra de canteiros, o xoven destaca no seu labor de tal xeito que no ano 1916 a Deputación de Pontevedra apoiao cunha bolsa dunha cantidade anual de 750 pesetas mantida ata o ano 1920, alcanzando as 1.250 pesetas de prestación no último ano de estancia en Santiago.

Desta etapa temos constancia documental nas actas conservadas no arquivo da Deputación de Pontevedra, onde consta a entrega por parte do artista de dous bustos en xeso, hoxe desaparecidos que representan un ó Cardenal Belarmino e outro a cabeza do Redentor.

Conmemoración da victoria alemana frente a os rusos na batalla dol Lagos Mazurianos 1915.

Xa con 50 anos e residente en Río de Xaneiro, seu benfeitor volverá a interesarse e axudarlle económicamente nos seus estudos e desprazamentos por Galicia e Madrid, facendo un seguimento da súa traxectoria artística nas numerosas visitas que este fai a Covelo.

Temos datos de que no ano 30 Alejandro reside en Ourense, participando na escola de Artes e Oficios baixo a dirección artística de D. Luis Fernández Pérez, onde entre outras fai un busto de Cervantes.

A realización de tallas representando bustos de personaxes memorables está en relación coa tradición da escultura do século XIX de adicar monumentos a persoeiros relevantes de ambientes políticos ou culturais, que adoitan ser destinados a espacios públicos.

Traballa como canteiro en diferentes lugares da nosa xeografía e faino por razóns evidentes, o oficio o que se entrega é totalmente nómade, esta é a causa pola que necesita desprazarse a diversos lugares como Pontevedra, Vigo, Ourense, A Coruña..., Cabanelas vive como a maioría dos canteiros sumido no anomimato, polo que non é de extrañar que non asine a súas obras; algo moi común entre os homes que se adican á escultura popular, tal feito hoxe dificúltanos enormemente a identificación da súa obra.

Foi coñecido co alcume do "escultor" quen socialmente e xa recoñecido como algo máis cun simple canteiro, ademais iniciou os seus traballos en outros materiais, sobre todo madeira de buxo.

Malia a achegarse técnicamente á escultura de tradición popular galega, podemos apreciar que Alejandro, no tocante á temática e co que realmente disfruta, é coa de corte clásico. Sempre na procura das proporcións dos mestres da antiga Grecia e Roma, empápase tamén do renacemento, e por último seguirá os cánones academicistas tan de moda nas escolas de Artes e Oficios daquel tempo. Todo isto reflictese no seu gusto a hora de elexir os seus libros de estudo.

O Cid Campeador

Cabanelas crece intelectualmente cristalizando a súa formación nunha coidada biblioteca en parte hoxe desaparecida, salvo algúns exemplares localizados gracias as súas sobriñas Maruja e Julia. Algúns dos títulos que atopamos son: Le Nouveau Vignole ou regles des cinq ordres d,architecture par Jaques Barozzio, 1775 comprado por el mesmo en 1918; Varia Commesuracion para la escultura y arquitectura: por Juan de Arche e Villafañe, Madrid 1795 ou Láminas de Historia Universal Cesar Cantó, F. Nacente Editor, mercado nun desprazamento que fixo á capital no ano 1921.

Se queremos apreciar a súa obra escultórica en pedra non temos máis que achegarnos a Covelo, onde durante anos tivo taller, alí atoparemos numerosos relevos asomando ós muros das casas, grupos escultóricos nos frontóns, figuras coronando as fachadas, ménsulas, dragóns alados, fontes... a súa persoal pegada pervive na maior parte das casas da súa parroquia, dándolle un carácter único e irrepetible.

Entre a súas inquedanzas apreciase unha das suas paixóns temáticas, a recreación de heroes e intelectuais da cultura española e famosos extranxeiros contemplados nos seus propios libros a través de simpáticas ilustracións salteadas cos textos, algunhas delas servíronlle de apuntamentos para realizar bustos en madeira representando o Cid Campeador, Curros Enríquez, Echegaray, Joaquín Costa , Calderón, Cavestani, Cervantes, Campoamor, Castelar, Vital Aza...

Este gusto polos persoaxes recoñecidos conecta coa costume da escultura pública propia destes momentos, se cadra "o escultor" soñaba con incorporarse o grupo de escultores de obra pública española; como é o caso de Francisco Asorey con quen mantivo unha boa amizade.

Recuperamos debuxos, retratos e algún pequeno apuntamento para os seus traballos como escultor. Estamos pois, ante un xenuino artista na busca do equilibrio e da harmonía intentando chegar deste xeito á verdadeira calidade estética ó executar súas pezas.

Os debuxos que atopamos datan do 1917 cando o seu autor tiña tan só 22 anos, en eles representanse as xentes da súa aldea en esceas cotiás, seus persoaxes son toscos, esquemáticos, inmersos en certo infantilismo. Representan xentes do seu entorno máis próximo, recordados con certo afecto e en momentos de total confraternidade, sendo máis escultor que pintor os seus tipos non son precisamente escultóricos senón máis ben pintorescos, dándolle un ton caricaturesco. O expresivo reside únicamente nos rostros, os persoaxes amosan incluso seus tics, as indumentarias trocanse en meros recursos.

Nas obras repartidas entre os seus descendentes poidemos observar os retratos que fixo de algún dos seus familiares como o de O Conde Cabanelas, Rosa, nai do Conde ou un retrato do seu pai, todos eles enmarcados en madeira tallada polo mesmo Cabanelas.

Temos que reseñar o seu achegamento á masonería, que marca as directrices da vangarda dos ilustrados contemporáneos e é foco irradiador do liberalismo político do momento, feito totalmente lóxico no seu proceso de progresión intelectual, esta e a razón de que nalgunhas das súas obras aparezan representados símbolos masónicos como o escuadro que representa a materia, equilibrio, o compás que representa a espiritualidade e universalidade, o mazo ou mallete que representa a vontade de acción, a calaveira que representa a fugacidade da vida e a chegada da morte, etc.

Alejandro pasará os últimos anos da súa vida cego por mor dunha caida que lle provocou unha infección, a pesares de todo seguiu esculpindo ata a súa morte pequenas pezas na súa casa de Covelo.

Este ano o Museo de Pontevedra dentro do programa de exposicións de verán organizou unha mostra que levou por titulo " Os pensionados da Deputación de Pontevedra 1864-1933", na que se fai referencia a obra do noso escultor Alejandro Cabanelas Araujo quen estivo presente xunto a outros escultores coetáneos seus como Francisco Asorey, Antonio Medal, José María Acuña...

Por outra banda ó longo deste ano a OMIX da Lama estivo investigando ó labor do escultor. A través de entrevistas cos veciños e familiares, fotografías e visitas a varios concellos falando con persoas que tiveron relación con él, poidemos seguir pistas que nos permitiron atopar algunhas obras ata hoxe perdidas. Achegámosvos fotos da súa obra que ilustran o presente artigo, agardando que sexa de voso agrado esta pequena lembranza.

A Lama Agosto do 2003

Cristina Villaverde Ruibal Informadora Xuvenil

Epígrafe na parte traseira da base do cruceiro de San Bartolomeu de Xesta, no que aparece soamente a data: 1789 e a sinatura do mestre que o fixo: Gómez.

PRESENTAMOS A ESTEBAN GÓMEZ: ESCULTOR
POLAS TERRAS DE MONTES NO SÉCULO XVIII



Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez

INTRODUCCIÓN

O concello da Lama foi berce e acubillo de bos escultores que desenvolveron a súa actividade non só dentro dos límites do municipio, senón, tamén, moi lonxe do mesmo. Referímonos, por exemplo, a Manuel González Perdiz (1833-1905) e Alexandre Cabanelas (1895-1965). Se o primeiro deles viviu a cabalo dos séculos XIX e XX, o segundo, aínda que nacendo no XIX pódese considerar completamente do XX. Manuel González Perdiz naceu e morreu no Covelo, mentres que Alexandre Cabanelas Araújo era orixinal da terra de Serantes (Leiro - Ourense), pero achegouse O Covelo, onde o seu tío, Manuel Barreiro Cabanelas, Conde de Cabanelas, era un espléndido mecenas que o axudou xenerosamente ó tempo que embelecía ó pobo onde nacera.
Moi recentemente veu a luz o noso libro "Buscando a González atopámonos con Gómez" (Fernández de la Cigoña & Loira, 2002) no que se puña de manifesto a notable influencia que escultores anteriores tiveron sobre a obra de Manuel González Perdiz e falabamos, concretamente, dun en particular: Esteban Gómez Fontela.


ESTEBAN GÓMEZ: UN CANTEIRO MOI SINGULAR

Foino, sen dúbida, no seu tempo e aínda que permaneceu agochado, pois esta terra como no resto de España, raramente recompensa a quen en verdade o merece, el fixo, en vida, todo o que estivo da súa parte para non caer no esquecemento futuro que parecía adiviñar como se dun profeta bíblico se tratase. Así, unha cousa que por aquel entón ninguén ou moi poucos soían facer, foi asina-las súas obras ó tempo que as databa, para que nunca puidesen ser atribuídas a outros artífices, perdendo a súa paternidade. E esta característica: a de deixa-lo seu nome por sempre gravado na pedra nai, sería, despois, andando o tempo, unha das cousas que caracterizaron, igualmente, a obra do mestre covelán Manuel González Perdiz, que seguiu con puntualidade exquisita o seu camiñar.


GÓMEZ: PRESUMIDO CANTEIRO DAS FRAGAS DE SANTA MARIÑA

Este home, canteiro especializado, presumía, ás veces, de arquitecto, pois xunto a súa sinatura, soia agregar esta palabra, ó mellor, non tanto no sentido de "dirección de obra" que actualmente ten, senón, máis ben, na de "creador" da mesma, cousa que parecemos esquecer en ocasións. Outros, sen embargo, con menos pretensións conformáronse toda a súa vida con ser mestres, artífices ou simples canteiros. Aínda hoxe, non sabemos que edificios foron criados, arranxados ou modelados por el, pois cando tal cousa escribimos, de Gómez, non coñecemos máis que o que el quixo deixar para a posteridade. E sempre de forma cativa, concisa de máis, en epígrafes e datas, que nos permiten, agora, coñecer un pouco a súa traxectoria vital de home comprometido coa pedra.

Naceu no lugar de Santa Mariña das Fragas (Campo Lameiro), pois na base do cruceiro que se achaba ergueito ó carón do mosteiro de San Pedro de Tenorio (Cotobade), lemos aínda esta sinxela mensaxe:
 

"ESTA OBRA PIA LA HIZO I PINTO ESTEBAN GOMEZ DE FRAGAS"


Esta lenda, en letras grandes e desiguais, na que anuncia tanto o lugar no que ten o seu taller como a súa actividade artesanal de escultura e pintura, obedece, sen dúbida, a un afán de propaganda, pois sinalando o sitio onde atopalo garante en certa medida os encargos da súa especialidade: cruceiros, esmoleiros, petos de ánimas, etc.


A OBRA DATADA DE ESTEBAN GÓMEZ AXÚDANOS A ENCADRALO

Algúns lugares onde o arquitecto Esteban Gómez Fontela deixou parte da súa obra foi no Covelo e na Xesta, ambos dentro do actual concello da Lama, onde atopamos dous cruceiros e un peto de ánimas asinados por el. O resto da súa producción atópase espallada polos concellos de Cotobade (Pontevedra) e por Maceda e Punxín (Ourense).

Lugar, concello e provincia Ano Características
Cruceiro do Covelo (A Lama), Po 1763 Asina: Arquitecto Gómez Fonta
Cruceiro de Tioira (Maceda), Ou 1769 Asina: Arquitecto Esteban Gómez
Cruceiro de Ourantes (Punxín), Ou 1782 Sen sinatura apreciable á vista
Cruceiro de Xesta (A Lama), Po 1789 Asina : Gómez
Cruceiro de Tenorio (Cotobade), Po 1794 Asina: Esteban Gómez de Fragas

________________________________________________________

 
XOGANDO CO TEMPO

Unha das cousas que ignoramos é tanto o ano de nacemento de Esteban Gómez como o do seu pasamento. Se supoñemos que cando fixo a primeira obra datada tiña arredor dos 30 anos, nacería, máis ou menos, polo 1730 e se supoñemos, tamén, que superou ó seu último cruceiro en algúns anos, morrería arredor de 1800. Polo tanto, unha cousa fica clara: nunca Gómez coñeceu ó que sería ó seu máximo admirador, o seu discípulo agochado, o mestre covelán Manuel González Perdiz, que naceu, e isto si está documentalmente confirmado, no ano 1833. Tres décadas despois da morte do autoproclamado arquitecto.


OS CRUCEIROS LAMESES DE GÓMEZ

Como xa comentabamos ó longo deste artigo, son dous, polo de agora, os cruceiros que achamos no concello da Lama que levan a sinatura indiscutible de Esteban Gómez Fontela. O primeiro, cronoloxicamente falando, achámolo no Covelo, practicamente por diante da porta da casa na que despois nacería e viviría Manuel González Perdiz. Data de 1763. O segundo, o de Xesta, leva gravado o ano 1789 na parte traseira da base. Hai, polo tanto, 26 anos de diferencia entre un e outro e pouco máis de 6,5 quilómetros de distancia. O do Covelo, antóllasenos como moito máis complicado na súa elaboración, cun recargo notable dos motivos decorativos, dende a base que o mantén ergueito á propia cruz na que remata, pero a pesar de todo, hai elementos comúns que determinan dunha ollada que a feitura se debeu a unha soa man.

Os Primeiros Pais, a Arbore do Ben e do Mal , na parte baixa do varal do cruceiro do Covelo, feito por Gómez no ano 1763.


PARECIDOS E DESEMELLANZAS

As diferencias máis notables radican na falta dos Primeiros Pais no de Xesta, xa que aparece soamente a árbore con 11 froitos ou mazás e a serpe, esta enrolada sobre si, formando un dobre nó. O varal é tamén moi diferente, pois no Covelo comenza sendo rectangular para pasar despois a ser un prisma octogonal e rematar sendo un tronco alongado de cono. No de Xesta falta a sección intermedia, xa que comenza sendo rectangular para se converter logo nun tronco coniforme. Polo tanto, tamén o varal resulta máis sinxelo de feitura. A falta das imaxes de Santo Antón e a case ausencia dos símbolos que lembran a Paixón de Cristo tamén é de destacar, pois no de Covelo, había ata oito deles, mentres que en Xesta redúcense a dous soamente: a escaleira e o martelo que son dos máis representados e que teñen moito que ver coa crucifixión e desencravo do Salvador do Mundo.

Tampouco en San Bartolomeu de Xesta, no adro mesmo da igrexa parroquial, colocou a figura de San Francisco abrazando ó crucificado cousa que acontecía no Covelo. Esta representación, sen embargo, era moi do gusto do mestre Manuel González Perdiz, que puña nas mans do freire seráfico o Santo Graal, para recolle-lo sangue que manaba do costado, evitando deste xeito que se derramase inutilmente.

O anverso de ambos cruceiros é, tamén, moi diferente na súa concepción, pois, en Xesta, a Virxe, que leva no colo ó meniño

Xesús, empuña un pao na man dereita (na actualidade está sen el e ó fillo fáltalle a cabeza)para bater sen miramento ningún a un demo que en forma de monstro aparece rendido ós seus pés. No de Covelo, sen embargo, a Virxe vese recollida, pasiva e ausente, coas mans unidas en oración sobre o peito, como asistindo conscientemente o sacrificio na cruz do seu propio fillo. Pero esta actitude agresiva de María para todo o relacionado co pecado, e o diaño é o máis grande tentador das persoas, era do agrado do noso arquitecto, que vinte anos antes, en 1769, na pequena aldea de Tioira (Maceda - Ourense) xa colocara a Virxe exactamente na mesma tesitura: combatendo cunha estaca ó Príncipe das Tebras. Tanto no Covelo como en Xesta, un par de meniños espidos a xeito de anxos aparecen subidos ó traveseiro e levantan, argalleiros e alborozados, sobre a cabeza cuberta de María unha coroa ou dosel, proclamando a quen se para a ver un instante a obra do noso arquitecto, que a declarou para sempre a Raíña indiscutible dos Ceos.


COLOFÓN

Non cabe dúbida de que na confección dos cruceiros e petos de ánimas, que tan abondosos son na nosa xeografía, onde A Lama ten un lugar destacado, tanto a fe como os principios relixiosos dos artífices reflectíase fielmente na súa producción, tal e como se dun espello se tratase e máis naquela época escura, na que Inquisición, que por aqueles tempos era moi Santa, vixiaba coidadosamente cada golpe de cincel na busca dun pecado. As crenzas inamovibles que guiaban ó noso artista aparecen recollidas con extremada fidelidade na súa obra, repetidas unha e outra vez, para que ninguén se poida levar a engano, pero por si esto non bastase para as identificar dunha simple ollada, Esteban Gómez Fontela tivo, como xa manifestamos, a precaución de asinalas. Deste xeito, douscentos e pico anos despois, nós fomos quen de atopa-la súa pegada sobre as enfestas terras de Montes e rescata-la súa memoria do esquecemento inmisericorde dos homes. Doutra maneira, sería practicamente imposible.


En Sanguiñeda (Mos), a 11 de xullo de 2003


BIBLIOGRAFÍA CITADA NO TEXTO
* FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ, E. & F. LOIRA TRESALDEAS. 2002. Buscando a González atopámonos con Gómez. Edita: Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE). 106 pp. Vigo.
 

Muiño de Carmen. Carreiro. Antas

Os muíños da Lama, un tesouro esquecido

Carlos Morgade


A Lama ten nos seus muíños unha das súas riquezas etnográficas máis importantes e significadas, cun aburado censo de exemplares e unha gran variedade tipolóxica dentro dun modelo básico. Nun traballo realizado no Colexio Público a finais dos anos 80, chegaron a catalogarse máis de 80 muíños, dos cales case a metade aínda estaban en funcionamento. Esta riqueza frecuentemente non é recoñecida como tal, non soamente polos de fóra, senón en moitos casos tampouco polos propios veciños do concello.

Como sabemos, a tradición de moer é tan vella na Lama como o seu propio poboamento. Os restos atopados nos castros da Lama, Gaxate e Xende falan da existencia deses muíños prehistóricos consistentes nunha pedra plana na que se deitaba o gran e outra cilíndrica que, a xeito de rolo, se pasaba por enriba para esmagalo. A influencia romana chegou cos seus muíños de man, compostos dun pé redondo sobre o que xira unha moa pequena movida a man cun mango vertical, para moer o gran que ós poucos se lle vai vertendo polo seu ollo central. Esta influencia romana, inda que chegou tardía á Lama (quizais xa nos comenzos da idade media), mantívose deica o século XX, como o demostra o feito que ata hai poucos anos aínda funcionaran muíños de man nalgunhas casas.

Muiño da Freixa. A Fírveda

O medievo trouxo os primeiros muíños hidráulicos, pertencentes ós señoríos de mosteiros e nobres. É posible que no noso concello aparecesen nas terras do Coto de Gaxate, dominio dos señores de Soutomaior, e na Barcia do Seixo, priorado dos monxes de Armenteira, ademais das terras de Antas. Estes primeiros muíños movidos pola auga pasaron a denominarse posteriormente “albeiros” porque daban unha fariña moi branca procedente das moendas de trigo e centeo, para o cal tiñan moas cun picado fino para moer gran pequeno.

Pero o espallamento dos muíños de auga produciuse a partir de diados do século XVII coa xeneralización do cultivo do millo. O novo producto substituíu progresivamente ó millo miúdo, trigo e centeo, ós que superaba en producción de gran. Este aumento trouxo consigo a necesidade de que as familias se
dotasen de muíños propios, inda que agrupados por proximidade. Naceron deste xeito os “muíños de herdeiros”, nos que os donos e usuarios de cada muíño son os herdeiros das familias que o construíu. Eran escasos os casos nos que un veciño construía un muíño para explotalo cobrando unha pequena parte de fariña por facer a moenda (muíño de maquía).

Por outra parte o sistema de moenda –e especialmente a moa- tivo que reformarse para adaptarse a un gran máis grande, máis muiño de duro e que daba unha fariña máis grosa e máis escura. As características dos muíños da Lama falan da súa historia. O alto número de muíños conservados explícase polo illamento da zona, que obriga ós poboadores a procurarse a moenda do seu gran para autoabastecerse, ante a falta de mercados para compralo e recursos monetarios. O predominio dos muíños de herdeiros sobre os de maquía tamén fala do nivel de subsistencia no que vivía na maioría da poboación, que obrigaba a varias familias a xuntarse como único xeito de construír o seu propio muíño. A concentración de muíños irmáns ou aliñados (grupos de muíños próximos que usan a auga do mesmo regueiro aproveitando o forte desnivel naquel lugar) é proba tamén da concentración da poboación nas escasas terras cultivables existentes.

Deste xeito podemos dicir que a maioría dos muíños do municipio son de canle, inda que existen uns poucos muíños de cubo ou pozo. Predomina o muíño pequeno, humilde, con muros de cachotería ou rebos, cuberta de laxa ou tella, dunha soa moa e con poucos usuarios. Fronte a esta característica xeral, apreciamos algunhas notas diferenciais, que converte o censo de muíños da Lama nunha deliciosa variedade de construccións, frecuentemente situadas en lugares privilexiados.

Deste xeito admiramos os muíños agrupados das feixas da Fírvida e Liñares, os de coidada cantería de Laxedo de Covelo ou os situados na Volta do Río de San Lourenzo da Escuadra, no único lugar no que o río Barbeira deixa de ir encaixado nunha estreita V para deitar a auga nun remanso que conforma un dos lugares máis fermosos da comarca. E non podemos esquecer os muíños de Antas ou da Lama, algúns dos cales están entre os mellores do concello, sexa polas características arquitectónicas, polo singular das súas canles ou pola riqueza da súa tipoloxía.Todos eles muíños fermosos, mesmo os máis humildes. Levantados frecuentemente en lugares moi belidos, algúns mesmo paradisíacos.

Exemplos nidios e concretos de conxunción da forza da natureza e a obra do home nun todo integrado, equilibrado e harmónico, coa beleza do natural e do racional. Muíños erguidos co esforzo dos homes, auténticas obras de enxeñería perfeccionadas ó longo dos séculos para mudar os productos da terra en pan de vida. Pequenas edificacións ó pe do río, mudas testemuñas do paso da auga, forza e vida.

Hoxe, os muíños están abandonados en boa parte. A súa función desapareceu e xa hai anos que os mestres canteiros non fan unha moa. Todo o máis, aprovéitase algunha das existentes para reparar os poucos que aínda moen. E cada vez son menos. Por desgracia, cada vez hai máis muros que van caendo tragados polas silveiras, cubertas que se van derrubando enriba de moas xa paradas e tremiñados cheos de pó.

Cómpre recuperar os nosos muíños. Restaurar a nosa historia. Noutros lugares con menor riqueza xa levan anos a facelo. Cada vez hai máis nenos que nunca viron traballar un muíño hidráulico, mentres os seus pais gardan as lembranzas da infancia cheas de moas a xirar e do cheiro da fariña acabada de moer. Os nosos muíños, pola súa cantidade e pola súa situación, son hoxe un recurso turístico de primeiro nivel no municipio, un capital etnográfico de gran forza, un elemento do noso pasado que non debe desaparecer. ¿Custa tanto conservalo? ¿Que custa máis, diñeiro ou vontade?

Quizais axiña os nenos da Lama poderán ver de novo muíños limpos, coas moegas enteiras e as canles cheas, cos rodicios novos a xirar e as moas a deitar o seu rourou de po branco. E os seus pais lles falarán de como se tempera o muíño, como se pica unha moa ou como xoga unha piadoira. E os nenos entenderán mellor como vivían os seus avós e apreciarán os xeitos e os traballos dos antergos sen necesidade de estudialo nos libros da escola. E os visitantes poderán coñecer moitos recantos belidos, pequenas alfaias da nosa zona.

Bah, todo isto só e o soño dun inxenuo idealista. Non fagan moito caso.
  LIMIAR.

Manuel Lois Vázquez

Neste traballo sobre o Santo Cristo de Xende non imos referirnos só a esta secular romaría, senón que intentaremos enmarcala no amplo universo de romaxes que existen en toda Galicia. Celebracións coas que comparte moitas características, tanto espirituais como festivas.

Moitas das cousas das que falamos están perfectamente ilustradas polas instantaneas de Pelai Mas, fotógrafo catalán que no ano 1919 percorreu Galicia nunha moto con sidecar, plasmando coa sua cámara o patrimonio artístico e monumental galego, amosando unha especial atención e sensibilidade cando se trataba de reflectir o patrimonio etnográfico da cultura e relixiosidade popular.

AS ROMARIAS: RITO E SUPERSTICION.

As romarías son evidentes manifestacións de fe, expresións dunha vivencia relixiosa que non sempre coincide coa ortodoxa ou oficial, pois cada persoa interpreta a relixión segundo a sua maneira de ser e de pensar.

Estas vivencias relixiosas combínanse ademais con antigos ritos de crenzas pagás, aproveitados dende sempre pola Igrexa Católica para atraer fieis a sua doutrina.

As romarías tamén poden ser consideradas como a suprema expresión da relixiosidade, sobre todo se coincidimos coa máxima de que “unha relixión ou é popular ou é un pensamento filosófico”.

O termo romaría significaba nas súas orixes “viaxe dos católicos a Roma” ampliando logo o seu campo semántico e abranguendo á viaxe realizada a calquera santuario.

A parte doutras intencións persoais, participar nunha romaxe é unha mostra de agradecemento polos favores concedidos. Cada santo ten o seu poder e está especializado na curación dalgunha enfermidade. Calquera persoa pode ofrecerse polo enfermo a visita-lo santuario, pero resulta mais convinte que esta sexa un parente próximo cando o propio doente non pode facelo.

Case sempre a orixe destas romarías cóntase en lendas que fan referencia a feitos sobrenaturais.

As aparicións son as máis comúns e os protagonistas soen ser pastores ou nenos, o achádego de imaxes ou calquera outro tipo de manisfestación milagreira.

A veneración que se da ás imaxes dos santos, nalgunha das setenta e unha romarías que segundo Antonio Fraguas existen en Galicia, raia na idolatría xa que o culto dáselle á imaxe deixando incluso de lado ó santo que representa.

Segundo algúns autores a propia falta de formación relixiosa é a que sostén as crenzas e prácticas supersticiosas habituais nas romaxes galegas.

Case a modo de contrato os romeiros fan os votos ou promesa para obriga-lo santo a concederlles o favor que lle piden ou ben para agradecerlle que llelo teña feito.

Unha nota común a tódalas romarías é a maneira de cumprir as promesas: percorridos a pé descalzos ou de xeonllos ata o propio santuario, arredor do mesmo ou na procesión; ofrendas de variados exvotos e numerosas velas; tocar coa man a imaxe ó tempo que se deixa ós seus pés ou se colga do manto unha ofrenda, case sempre en forma de billete.

Citando a Gondar Portasany, a relación que manten o devoto galego coa divinidade equipárase á do home humilde co poderoso: “A sicoloxía de Deus é a sicoloxía dun señor; o crente utiliza con él as mesmas estratexias que está habituado a utilizar cos poderosos deste mundo. As ofrendas propiciatorias ou de acción de gracias teñen idéntico sentido que os regalos que se fan ós que teñen ou poden máis: unha forma sutil de mercar a benevolencia e o favor baixo a aparencia da doazón desinteresada”.

O SANTO CRISTO DE XENDE.

O domingo de Trinidade, oitavo despois da Pascua, celébrase en Xende a romaría do Santo Cristo da Agonía.

Agás algunhas mínimas referencias bibliográficas, non existe apenas documentación sobre a orixe desta romaxe.

Podemos remontar a devoción ó Santo Cristo de Xende a mediados do século XVIII, indo esta en considerable aumento co paso dos anos.

Antigamente os romeiros, procedentes en gran número da provincia de Ourense e tamén do concello de Cotobade, desprazábanse ata Xende, ben a cabalo ou a pé, no día do venres, pernoctando dúas noites na sala habilitada con ese fin na propia casa rectoral.

Hoxe en día aínda hai romeiros que se achegan a pé ata Xende pero a gran maioría acuden en coche ou autobús.

Tamén, segundo a tradición oral, un domingo antes do antroido acudían a Xende xentes da provincia de Ourense que os veciños chamaban da “Pardesoa ou Pardexó” en referencia a sua procedencia. Viñan o sabado, facían festa esa noite e, o domingo, despois da misa, collían o camiño de volta.

Segundo Antonio Fraguas, ilustre mestre de Galicia nado no concello de Cotobade, é esta unha romaría de moitísima sona que xunta en Xende xente de tódolos lugares de Galicia e de fóra.

O mesmo autor comenta que: “Antes das viaxes en auto, as xentes ian a pé, algúns descalzos con hábitos e portando na man farois acendidos, de aceite, como ofrenda. Viámolos pasar para a romaría cando lles faltaban aínda tres leguas de camiño. Algunha muller levaba na cabeza unha caixa dun morto, como ofrenda por unha persoa que tivera unha enfermidade moi grave. Era axudada por familiares e veciñas”.

Tamén cita Antonio Fraguas no seu libro “Romarías e Santuarios” a existencia dunha casa de romeiros na que descansaban os que viñan pasar uns días para asistir á novena.

Outra das incógnitas que nos ofrece esta romaxe é a procedencia da imaxe do Santo Cristo.

Atendendo unha vez máis á tradición oral dise que “trouxérono uns que andaban ó sal”.

A inexistencia de documentación pode deberse a que Xende non foi parroquia ata o ano 1904, dependendo ata esa data da parroquia de Forzáns.

Un dos aspectos máis salientables da romaría do Santo Cristo é a procesión na que os fieis portan velas, algúns van descalzos e outros sosteñen cadaleitos sobre os ombreiros ou a cabeza. Incluso, aínda que non é moi frecuente, algún devoto ofrecido é levado no propio ataude por familiares e amigos.


Ademaís de oi-la misa moitos fieis percorren o adro da igrexa de xeonllos argradecendo ó Cristo os favores recibidos.

O incremento dos devotos nesta romaría motivou que a antiga capela, gracias a limosnas e donativos, se transformara nunha igrexa.

Remitíndonos de novo á tradición, cando as obras da antiga capela estaban en marcha, un dos que alí traballaban negouse a pintar o Cristo decindo que só era “un anaco de madeira vella”. Pouco tempo despois ese home sofreu un accidente do que, milagreiramente, saeu ileso. Logo comprometeuse a pinta-la imaxe e a face-lo de balde.

O Santo Cristo de Xende segue a ser a máis importante das romarías que se celebran no concello da Lama, conservando tódolos compoñentes, tanto relixiosos coma festivos, que caracterizan estas manifestacións de fe e superstición popular tan abundantes en Galicia.
 

A ARQUITECTURA DUNHA TRADICIÓN.

O fervor relixioso que levou durante séculos a milleiros de romeiros a Xende, converteuse na orixe dunha expresión artística que ten o seu mais álxido reflexo na igrexa e no templete do Calvario.

A igrexa, posiblemente da segunda metade do século XVIII, sustituiu unha pequena capela ó tempo que sofreu posteriores remodelacións ó longo do século XIX.

A casa rectoral, que conten nun dos seus extremos a “sala dos romeiros” é unha construcción posterior á do propio templo. Existe a posibilidade de que orixinariamente fora toda ela unha casa de romeiros e que, ó converterse Xende en parroquía, coa chegada dun cura ó pobo, pasara ser casa parroquial ou rectoral.

O templete do Calvario é a única expresión artística que podemos datar con seguridade.

Sobre catro piastras con capiteis de orde xónica érguese unha cúpula coroada por cinco esculturas, unha en cada ángulo e a quinta –Cristo en actitude de bendicir- no centro.

Este templete cubre un cruceiro de ampulosa talla que presenta no fuste o pecado orixinal, os signos da paixón, María Magdalena co Sudario e unha figura de Cristo.

A cruz amosa unha crucifixión na que dous anxos recollen o sangue de Cristo, e a Virxe Gloriosa aparece rodeada de anxos. A curiosidade radica en que, polo xeral, na crucifixión a Virxe representada é a Dolorosa, non a Gloriosa como neste caso.

Este cruceiro recolle unha lenda na que se di que foi feito no ano 1868 por Manuel González Perdiz. Foi este un canteiro nado en Covelo -A Lama- no ano 1833, considerado polos seus coetáneos un dos mestres máis importantes. De formación autodidacta, a sua época de actividade, na segunda metade do século XIX, coincide coa de dous afamados canteiros de formación académica, José Cerviño García e Ignacio Cerviño Quinteiro, artistas de primeira liña dentro da arte popular.

Manuel González Perdiz podería ser considerado como un dos últimos canteiros da tradición barroca herdada do século XVIII, algo que queda patente no templete de Xende.


Manuel González tamén traballou na fachada da igrexa de San Paulo de Xende aínda que descoñecemos a data exacta na que o fixo. Testemuña do seu traballo é a seguinte anécdota, en certo modo similar á que antes relatamos sobre o obreiro que se negara a pintar a imaxe do Cristo.

Segundo se conta, estando o mestre traballando nos andamios, un día pola mañá, as campás da igrexa comezaron a tocar como por arte de maxia. Perante a extrañeza do feito os veciños achegáronse para ver que sucedía. O mestre baixou do andamio e, diante das preguntas da xente sobre o que sucedera negou que acontecera nada. Tres días despois o andamio veu abaixo e Manuel González quedou pendurado dunha corda polos pés. Este accidente provocoulle un dislocamento das articulacións dos nocellos, quedándolle un óso sainte nun pé que lle estropeaba o calzado.

Manuel González deixou testemuña do seu bo facer artístico en diversos lugares das provincias de Ourense e Pontevedra así como no norte de Portugal.

Finou a comezos do século XX, no ano 1905.
 

AS ROMARIAS E AS SÚAS VERTENTES.

Ó significado relixioso das romaxes debemos sumarlle o profano-folclórico, manifestado na comida na festa e no baile.

Case tódalas romarías celebranse na primavera e no verán o que facilita e fomenta este espíritu lúdico.

En tódolos santuarios hai dous espacios moi ben delimitados: o do propio santuario e o seu contorno inmediato e o do campo da festa que acolle as actividades profanas da romaría.

Cando os fieis xa cumpriron co aspecto relixioso, saen da igrexa e introdúcense no aspecto mais lúdico e festivo.

Xa no século XVIII o ilustrado Padre Feijoo, detractor deste tipo de celebracións, falaba así das romarías: “Los coloquios desenvueltos de uno a otro sexo, rencillas y borracheras son el principio, medio, y fin de las romerías. Eso se hace, porque a eso se va. A la reserva de poquísimos, puede decirse, que la más inocente intención que se halla en tales concursos, es la de los que acuden a ellos sólo por ver, o por ser vistos… ¿Qué son sino estiercol, inmundicia, abominación, eso que se llama solemnidad, fiesta, romería? ¿Qué son sino torpes cultos al ídolo de Venus, en vez de devotos obsequios a Dios y a sus Santos? Y al fin, ese estiercol ¡A quantas desdichadas les sale a la cara pasados algunos meses!”

Outra imaxe do aspecto mundano das romarías atopámola neste relato que fai Almagro no ano 1918 da romaría da Virxe da Franqueira a comezos do século XX: “Xunto ós peregrinos viñeron os mozos amantes da troula que buscan o viño e a promiscuidade das romarías. Cen postos de polbo cocido, de bebidas e rosquillas levántanse por todas as partes. Soa a gaita. Muiñeiras e xotas bailanse con ardor. O aire ole a aceite e suor. O cántico dos peregrinos soa sempre por riba da gaita e do tamboril, dominándoo todo. Pero o sangue novo avívase; a noite e a confusión son propicias. Acaso polas veas corran aínda glóbulos latinos que coñeceron as saturnais e as festas dionisíacas. Hai rapazas extraviadas que descifran de súpeto o enigma da vida xunto ó muro do santuario ou na recacha dun curruncho, renovando sen sabelo cultos pagáns na beira das fontes, ou no segredo dun arboredo. Soa a gaita na noite escura que algunhas luces febles furan de amarelo. E ó abeiro das sombras, ó lado dunhas penas, a despeito de vinte séculos de cristianismo, xorden rintes e malévolos os deuses caídos; aqueles que saben do amor e do pracer. Durante a noite troupelean Venus e Baco entre romeiros ata que o sol nacente os pecha nos seus retiros bucólicos”.

Hoxe en día moita xente acode ás romarías máis atraída polo aspecto gastronómico que polo espiritual. Cando isto non era tan evidente e a espiritualidade xunto co fervor relixioso convertíanse no motor principal, resultaba totalmente comprensible que, a través dos tempos, aqueles que vían cumprida a sua promesa ou ofrenda celebrarano logo cun abondoso xantar e ánimo festivo. Unha cousa non quita a outra.


BIBLIOGRAFÍA.

- Hipólito de Sa Bravo. “Creencias del costumbrismo religioso en Galicia”. Servicio de Publicaciones de la Excma. Diputación Provincial de Pontevedra.

- Antonio Fraguas. “Romarías e Santuarios”. Biblioteca básica da cultura galega.

- Julio Fernández Pintos. “Trisquel” –El maestro cantero Manuel González Perdíz (1833-1905)-. Archivos del Patrimonio Histórico Gallego.

 

Omix do Concello da Lama ¿Qué é?

Cristina Villaverde Ruibal

No Concello creóuse unha Oficina de Información Xuvenil que ten carácter municipal e que presta servicios de información a tódolos xoves do noso municipio.
Dependemos directamente da Consellería de Familia, Xuventude e voluntariado que orienta e inspecciona o funcionamento do noso servicio de información.
A Oficina conta cun local perfectamente axeitado sito na Avenida do Concello nª 3, compartindo casa coa Axencia de Lectura.
Eiquí podedes atopa-los os boletins de Información Semanal, ou o Boletín Xuvenil de Emprego . Achegámosvos mozos e mozas, todo o que é cultura, ocio, deporte...
Facemos o carné xove a todos aqueles que teñan entre 12 e 25 anos, co que podedes acceder a un mundo de vantaxes e descontos en transportes, viaxes museos, tendas, academias, seguro e asistencia en viaxes.
Non esquezas que viaxar enriquece e que o principal obxetivo deste carné e potenciar a mobilidade xeográfica dos xoves.
As actividades que levamos a cabo son en xeral de dinamización da información, todo aquelo que queiras saber sobre campamentos, cursos, albergues, viaxes, becas, ofertas de emprego, exposicións, premios e concursos, voluntariado, asociacionismo, residencias de tempo libre... contamos con acceso a internet e se queres poñerte en contacto connosco o correo electrónico é
omix@concellodalama.com

O que pretendemos é ser unha alternativa máis para os xoves, e despertar novos valores e ideas que en solitario non vosatreveríades a levar a cabo, para elo creamos unha Asociación Xuvenil na que vos podedes asociar sempre que queirades facer cousas divertidas e compartir experiencias.

Este ano entroutras actividades a Omix da Lama coolaborou coordinando e moderando o I Congreso de Xuventude de Ponte- Caldelas que se fixo o pasado mes de Abril no "Instituto de Ensinanza Secundaria Valdarrosa" no que participaron a Educadora social do Concello Eva Moldes Casal no apartado de Voluntariado e a Informadora Xuvenil do noso Concello Cristina Villaverde Ruibal falando da importancia das Omix e en concreto da labor levada a cabo na Omix da Lama.
En resumen a Omix da Lama ten como finalidade orientar e facer partícipes e protagonistas a tódolos xoves do noso Concello e dos seus proxectos.

A Pedreira.

Revista cultural e turística do Concello da Lama. 2003